Saturday 18 de May de 2024

Primeiro paso do Plan de Acción e Emprego Xuvenil 2017



O concello publica unha enquisa para coñecer as inquietudes da xuventude de Riveira en relación ao emprego

O Concello de Riveira pon en marcha o Plan de Acción e Emprego Xuvenil 2017 a través dunha primeira actuación consistente nunha enquisa que ten como principal obxectivo coñecer os hábitos, recursos, costumes e inquietudes dos nosos mozos e mozas, en especial en relación ao mercado de traballo.

A enquisa está integrada por 13 preguntas (5 delas con subpreguntas), ademais duns datos básicos previos, co fin de que o Concello poida saber con maior concreción cal é o papel que esperan del a xente nova á hora de favorecer a súa inserción laboral.

Está dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos. Poden acceder a ela a través da páxina web do Concello www.riveira.gal. Ademais, nos próximos días será repartida entre centros de secundaria e outras entidades para que todo aquel rapaz que o desexe poida respostar ás mesmas.

Becas remuneradas
Os resultados serán tidos en conta á hora de poñer en marcha dúas futuras actuacións tamén integradas no Plan de Acción e Emprego Xuvenil: a organización dun congreso no Auditorio Municipal sobre mocidade e emprego, e a concesión de becas remuneradas coas que introducirse no mercado laboral dende algún servizo da estrutura da Administración Local.